PREMIO MELLOR PROFESOR VIRTUAL

IVÁN COUCEIRO AGUIAR

ENTREVISTA “PREMIO MELLOR PROFESOR/A VIRTUAL 2019/2020”

IVÁN COUCEIRO AGUIAR (Oleiros, 8 de marzo de 1990)

Licenciado en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos por a Universidade da Coruña (2000-2000). Presentou a súa tesis de doutoramento sobre ‘Structural optimization of steel jackets for offshore wind turbines considering dynamic response and fatigue constraints’ no ano 2018, nesta mesma universidade.

Actualmente é profesor na Escola de Camiños dende o ano 2000 e imparte as materias

Delegación de Estudantes: Que tal foi a túa experiencia coas clases virtuais?

Iván Couceiro: Baixo a miña humilde opinión, creo que tanto para vós, como para nós, é dicir, para alumnos/as e profesores/as, penso que foi mala, porque nin estabamos preparados nin os medios foron os ideais e entendo que cada un fixo o que puido, o mellor que o intentou, pero creo que como experiencia non foi boa de todo. Pese a que se puidera facer moi ben en moitos casos, eu creo que a maioría da xente non o repetiría. Eu non o repetiría.

DE: Cres que a idade do profesorado influíu na docencia virtual?

Iván Couceiro: Obviamente. Non é unha norma xeral, pero iso pasa con todo. Iso pásame incluso a min. Xa me pasa que hai certas tecnoloxías que vós dominades, redes sociais, móbiles… que a min xa se me quedan un pouquiño distanciadas. Parece mentira pero si que me pasa. Entón é normal que pase cando máis avance a idade. Cando somos mozos pensamos ‘iso non me vai pasar a min, sempre vou estar metido no meollo…’ e logo non, non é así. Entón, que pode afectar? Pois, obviamente si.

De todas formas, non creo que sexa o determinante. As clases que din de forma telemática, non tiñan nada especial, non tiñan ningún medio tecnolóxico brillante, non tiñan un soporte visual, non. Eran unha cámara e un encerado, que basicamente é o que teño cando estou presencialmente. Entón, non ten que ver con tecnoloxías, non creo que teña que ver ca idade do profesorado para nada.

DE: Por que cres que saíches elixido, a pesar de dar materias que non gustan en xeral?

Iván Couceiro: Eu non me meto en como ou que votades, eu sei as materias que teño, que non son para nada as máis atractivas, ningunha das que dou, pero intento dalas dende unha perspectiva o máis animada posible. Por exemplo, sempre vos rides de que corro moito pola clase, que vou dun lado para outro, pero creo que ao final é unha forma de que non vaiades a ‘clase de Cálculo’ ou ‘uff… hoxe teño integrais’ ou ‘hoxe teño ecuacións en derivadas parciais’ de maneira aburrida. Faise un pouquiño máis entretido.

Tamén, creo que é importante, iso si que o valoro,  que valorades o esforzo, moitas veces máis, e quizais non está ben dicilo, que a calidade. Eu, nin de lexos penso que son nin o mellor profesor virtual da Escola nin nada así. Tampouco digo que sexa o que máis me esforce, pero si que o votades moito ou valorades moito, o esforzo.

DE: Que cres que te diferenciou ao resto de docentes?

Iván Couceiro: Simplemente que, non so grazas a min, se non tamén por exemplo, en particular a asignatura que eu impartin de maneira telemática, que foi Introdución aos Métodos Numéricos (GEOP), pois que grazas tanto ao meu esforzo e o esforzo dos alumnos e das alumnas, conseguimos que, aínda que non estiveramos xuntos e xuntas a clase fose o máis parecida a unha clase presencial. Eu puiden argallar en casa para ter un encerado, enfocar a cámara máis ou menos, a xente estaba conectada, falaba, facíanme ver que había xente máis alá da pantalla, entón, xerouse entre todos un ambiente parecido a docencia presencial.

DE: Cres a docencia vai ir encamiñada online ou presencial?

Iván Couceiro: Penso que ‘forzas externas’ van tentar que iso vaia por ese sendeiro pero eu creo que é un erro. Que hai cousas boas, máis ca iso, aspectos que se poden incorporar no noso día cotiá? Si, pero penso que substituír a presencialidade, a interacción social, persoal, ver as caras, verse… é insubstituíble. Creo que quedou demostrado o curso pasado.

DE: Cres que isto é así por ser unha carreira técnica?

Iván Couceiro: Non, penso que é así en xeral. Se nos poñemos así xa non falo de docencia. A min fáltame na miña vida cotiá moitas relacións e esas relacións deterióranse, o típico exemplo dunha relación a distancia, hai xente que a levará moi ben, pero para todo o mundo non vale. A xente necesita contacto, verse, falar en persoa e o mesmo se aplica ao traballo, as clases e a vida mesma. Entón, o que vale para aquí dígoo para toda a educación, toda.

DE: Cres que a túa paixón foi influente para este premio?

Iván Couceiro: Obviamente cando algo che gusta o fas con máis paixón. Eu creo que é obvio que a min me gusta dar clase, entón, supoño que si, pero non penso que sexa o máis relevante.  

DE: Que che aportou a ti a docencia virtual?

Iván Couceiro: Eu creo que está ben probar cousas que che gustan e que non che gustan. Probar cousas que non funcionan e cousas que si. Para saber que algo non funciona e algo non é bo hai que probalo, experimentalo. A min gustoume o reto, gustoume saber como afronto as clases, como fago co material, a ver se vou ser capaz de comunicar do mesmo xeito que comunico de maneira presencial: cando me miran á cara, cando cambio a entoación, cando me cambian a expresión ou cando eu lles vexo a cara… Saber se son capaz de facer o mesmo máis a cegas, sen verlles a cara, sen que eles me vexan… Creo que non fun capaz de todo, evidentemente, porque é imposible, pero foi un bo test para min, para saber que non é o futuro, nin é bo, nin eu apostaría por unha docencia telemática.

DE: Que dificultades atopaches?

Iván Couceiro: Primeiro a compatibilización, eu penso que nos pasou a todos. Non é fácil compatibilizar a vida persoal e a vida laboral e máis cando están mesturadas no mesmo punto. Por exemplo, eu que teño un fillo pequeno, os estudantes puideron escoitalo berrando pola casa pero é inevitable. É inevitable que esa vida persoal e vida laboral se mesturen e iso nunca é bo.

As dificultades técnicas e de material, pillounos de improviso. Cada un o resolveu como mellor puido. Eu tiña cámara, tiña un bo micrófono porque xa o tiña, teño un encerado que xa mercara, entón puiden facelo.

DE: Cres que a calidade do contido se viu afectado?

Iván Couceiro: O contido foi o mesmo pero a calidade a nivel presencial e a nivel non presencial non foi o mesmo por moitos aspectos. Como digo, un como profesor ou profesora non é capaz de comunicar da mesma forma se non está vendo a quen comunica e logo, eu tamén era, creo pensar que era, especialmente sensible tamén a vosa ‘psicoloxía’ durante esa etapa. Aínda que psicoloxía igual non é a palabra correcta, eu sabía que non era unha etapa fácil, que podía non ser fácil dende o punto de vista do profesor pero dende o punto de vista do alumno tampouco. Eu considérome algo empático e póñome na vosa pel, estar na miña casa, con todo o que estaba pasando fora e estabades recibindo de repente unha clase de integrais ou de métodos numéricos ou de ecuacións diferenciais e a verdade estás na casa e non é o medio ideal entón evidentemente o canal de comunicación, profesor/a-alumno/a, que xa moitas veces non vai fluído, vese moi deteriorado aí. Uns non son capaces de transmitir todo o ben que poderían e outros non son capaces de recibir todo o ben que poderían en plenas facultades.

DE: A preparación das clases foi a mesma ou tamén se viu afectada?

Iván Couceiro: O que é preparación a nivel expositivo de que vou dar nesta lección, que vou dar nesta clase, como vou explicar… esa si que foi a mesma. Adicionalmente para cada tema fun preparando unhas diapositivas con todos os contidos que tiverades previamente. Por exemplo, eu entendía que moitas veces se perdía a calidade do vídeo, entón como eu daba clase con pizarra, eu asumía que moita xente podía non estar vendo ben esta nese momento ou que non tes por que ter unha conexión de internet de calidade e recibir a suficiente conexión para poder ver nese momento a pizarra. Por iso, planteime ter unhas diapositivas para cada tema, repartidas ou enviadas aos alumnos e alumnas, antes de impartir o tema para que polo menos tiveran os apuntes a limpo e non dependeran única e exclusivamente do que están vendo a cámara. Logo cada un era responsable de coller apuntes a maiores, usar eses apuntes, escoitarme ou non. Entón o único cambio sexa a preparación deses apuntes a maiores.

DE: Enlazada á pregunta anterior, como enfocaches a docencia virtual?

Iván Couceiro: Entronca cunha resposta dunha pregunta anterior. Eu intentei que as clases non presenciais foran o máis parecido as clases presenciais, unha pizarra eu nela explicando, que a xente me vexa, eu creo que iso é importante, que me escoiten, eu tamén intentar escoitar á xente e de feito as veces, como todo profesor na clase, preguntas e a xente moitas veces non contesta pero polo menos ves as caras, tes un feeling. Cando lanzas unha pregunta a unha pantalla na que non estás vendo a ninguén, se hai un silencio absoluto é incómodo. É raro. Dicíao na clase e moitas veces sénteste que estás tolo, eu non estou acostumado, non son nin youtuber, nin streamer de Twitch, entón eu non estou acostumado a falar á nada e que non me contesten. Si que pedía moitas veces ese feedback e si que é verdade, que o grupo respondeu moi ben, contestábame, falábame, para que non me sentise só dando clase ou falando ao infinito.

DE: No futuro como se podería mellorar?

Iván Couceiro: Vou dividila en dúas partes:

A parte fácil. Se o confinamento non fose completo, é dicir, se por exemplo, puidésemos manter postos de traballo. Vós, como alumnos e alumnas, estades na vosa casa pero nós podemos dar clase dende á Escola. Iso garantiría unha igualdade de medios para os docentes porque igual que vós non tedes porque ter unha boa conexión, eu non teño porque ter una boa conexión na miña casa ou nin sequera teño porque ter internet. Pero se eu podo vir impartir esa docencia virtual dende o meu despacho ou dende as aulas da Escola, cunha cámara, cun micrófono, ben preparado, probablemente melloraría bastante a experiencia. Melloraría bastante, porque ao final repito, converteriamos esa docencia non presencial no máis parecido ao presencial posible, con deterioro comunicativo, evidentemente, pero o máis parecido.

A niveles dun confinamento total, restrinxido na casa, o consello é o mesmo, que fosen as clases o máis parecido as leccións presenciais, o que pasa é que é difícil. Eu xa digo, non creo que sexa posible facelo dunha maneira en que non houbera perda de información.

DE: Cal foi a túa mellor anécdota?

Iván Couceiro: En especial non recordo ningunha. Máis que ensinar o meu gato ou que o meu fillo gritase por detrás, non recordo nada.

DE: Minuto de ouro (neste caso breve)

Iván Couceiro: Grazas polo recoñecemento e polo esforzo. Gañar este premio non me fai falla para seguir realizando o meu traballo como ata o de agora.