O Grupo de Carreteras, Xeotecnia e Materiais (CGM) é un grupo de investigación multidisciplinar creado no ano 2009, con sede na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC).

O grupo está formado por persoal investigador adscrito ao CITEEC (Centro de Investigación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) e desenvolve a súa actividade no eido da enxeñaría civil, con especial atención ás áreas de carreteras, xeotecnia e materiais de construción. O seu traballo combina investigación básica e aplicada, cunha clara orientación á innovación, á sustentabilidade e á transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico.

A calidade científica e o potencial de crecemento do CGM foron recoñecidos coa súa clasificación como Grupo con Potencial de Crecemento nas convocatorias autonómicas dos anos 2014, 2017 e 2022, reforzando a súa posición como grupo de referencia na investigación e na formación avanzada en enxeñaría civil.

O CGM centra a súa actividade na investigación, a asistencia técnica e a asesoría de empresas de institucións, así como na labor docente.

No ámbito da enxeñaría de estradas, o CGM desenvolve a súa investigación no deseño e caracterización de materiais para firmes orientados á sostibilidade ambiental, á economía circular e á mitigación do cambio climático. Para iso, o grupo conta con dúas instalacións experimentais especializadas —o Laboratorio de Carreteras e o Laboratorio de Carreteras e Xeotecnia— equipadas con tecnoloxía avanzada para o estudo de mesturas bituminosas (mesturador Cooper NU 14, prensas estática e hidráulica, compactador xiratorio, mesturadora automática, estufas, baños, entre outros) e de ligantes bituminosos (DSR, BBR, ductilímetro, PAV, RTFOT, método de anel e bóla, penetración, etc.).

O equipo investigador está integrado polo Catedrático Dr Ignacio Pérez Pérez, a Catedrática Dr Ana Mª Rodríguez Pasandín, estudantado de grao e posgrao, e conta ademais coa colaboración externa do Dr Pablo Orosa Iglesias, Research Assistant Professor na Purdue University (EE. UU.). O CGM posúe unha ampla experiencia en mesturas bituminosas en quente, templadas, semitempladas, en frío, reciclaxe in situ en frío e bioligantes, o que lle permite ofrecer asistencia técnica de alto nivel, así como o deseño e execución de campañas experimentais de laboratorio e a análise rigorosa e interpretación dos resultados.

No eido da xeotecnia, o CGM desenvolve unha destacada actividade investigadora centrada na análise e deseño de escavacións subterráneas, con especial énfase nos túneles executados mediante tuneladoras de presión de terras (EPB). Estes estudos baséanse nunha sólida modelización numérica avanzada, empregando ferramentas de referencia como FLAC 3D e PLAXIS, que permiten abordar con alto nivel de precisión problemas xeotécnicos de grande complexidade.

As liñas de investigación inclúen a modelización reolóxica dos solos, o estudo do comportamento dinámico dos solos e a implementación de modelos constitutivos avanzados, fundamentais para unha correcta interpretación das interaccións solo–estrutura en diferentes escenarios.

Xunto coa súa intensa actividade científica, esta área do CGM mantén unha estreita relación co tecido empresarial, participando en numerosos traballos aplicados e proxectos de transferencia tecnolóxica. Este equilibrio entre investigación de excelencia e aplicación práctica sitúa ao CGM como un grupo de referencia en xeotecnia e enxeñaría de túneles.

No ámbito da Ciencia de Materiais, o CGM desenvolve unha actividade claramente transversal, baseada na colaboración continua con diferentes grupos de investigación a nivel nacional e internacional. Esta liña caracterízase por integrar enfoques e técnicas de múltiples disciplinas, permitindo afrontar retos científicos complexos cun elevado grao de especialización.

As investigacións levadas a cabo abranguen unha ampla variedade de materiais e aplicacións, incluíndo o estudo de tensoactivos, distintos tipos de materiais, a interacción entre materiais e medio ambiente, aleacións metálicas, fenómenos de corrosión, entre outros campos de interese científico e tecnolóxico. Esta diversidade temática fortalece o carácter multidisciplinar do CGM e a súa capacidade de innovación.

Cómpre salientar a destacada colaboración internacional desta área, especialmente con Portugal, materializada en publicacións científicas conxuntas e estancias de investigación.

Comments are closed.