ESCUELA TÉCNICA SUPERIOR

INGENIEROS DE
CAMINOS, CANALES
Y PUERTOS

fachada principal

REGULAMENTO DA ESCOLA TÉCNICA SUPERIOR DE
ENXEÑEIROS DE CAMIÑOS, CANAIS E PORTOS DA
UNIVERSIDADE DA CORUÑA


CAPÍTULO 1. Estrutura e funcións.

Artigo 1. A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Coruña, no sucesivo a Escola, é o centro da Universidade da Coruña, no sucesivo a Universidade, encargado da organización, coordinación, seguimento, avaliación e xestión administrativa das ensinanzas universitarias conducentes á obtención do título de enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, dos títulos de enxeñeiro técnico de Obras Públicas e doutros estudos que lle foren asignados no ámbito da Enxeñaría Civil e outros campos afíns. Así mesmo, a Escola promoverá e coordinará a investigación, desarrollo e innovación interdisciplinar no ámbito da Enxeñaría Civil..

Artigo 2. Son funcións da Escola:

  1. A organización, coordinación, seguimento, avaliación e xestión administrativa das ensinanzas universitarias que lle foren asignadas no ámbito da Enxeñaría Civil e outros campos afíns.
  2. A elaboración das propostas de creación, modificación ou supresión dos planos de estudos destas ensinanzas.
  3. A promoción e coordinación da investigación, desarrollo e innovación interdisciplinar no ámbito da Enxeñaría Civil e outros campos afíns.
  4. A custodia das actas de cualificacións e os expedientes dos estudantes que cursaron ou estean a cursar estudos nela.
  5. A expedición das certificacións solicitadas polos estudantes do centro.
  6. A coordinación e supervisión da actividade docente dos departamentos que interveñan no desenvolvemento dos planos de estudos da Escola e a avaliación docente do seu profesorado.
  7. A administración da asignación orzamentaria do centro e o control dos seus propios
    servizos e equipos.
  8. A participación no goberno e xestión da Universidade.
  9. A organización de actividades de formación permanente e de extensión universitaria.
  10. A participación nos procesos de avaliación da calidade.
  11. Todas as funcións orientadas ao cumprimento adecuado dos seus fins, ou que lle atribúan a lexislación vixente ou os Estatutos e Regulamentos da Universidade.

Así mesmo, e con carácter xeral, a Escola poderá organizar cursos dirixidos, ou non, á obtención de títulos ou diplomas académicos e establecer convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas..

Artigo 3. A Escola poderá utilizar o seu escudo tradicional no marco das normas de imaxe corporativa da Universidade.

Artigo 4. A Escola estará integrada por::

  1. O profesorado que imparta docencia nalgún dos seus planos de estudos.
  2. Os estudantes matriculados en calquera dos seus planos de estudos.
  3. O persoal de administración e servizos asignado expresamente á Escola ou aos
    departamentos que nela teñan a súa sede.
  4. Todas as persoas non incluídas nos apartados anteriores a que a lexislación e as
    normativas vixentes outorguen a condición de membro da Escola.

CAPÍTULO 2. Órganos de goberno.

Artigo 5. Os órganos colexiados de goberno da Escola son a Xunta de Escola, a Comisión Permanente, a Comisión Docente, e a Comisión de Avaliación Académica.

Os órganos unipersoais de goberno da Escola son o director, os subdirectores e o secretario académico.

Artigo 6. A elección dos membros dos órganos colexiados de goberno da Escola e a do director da Escola realizaranse por sufraxio libre, igual, directo e secreto. O director será o encargado de velar polo adecuado cumprimento da correspondente normativa.

Os representantes nos órganos colexiados de goberno da Escola serán renovados con
periodicidade bienal.

Como norma xeral, cando se elixan dous ou máis representantes cada elector poderá votar, como máximo, un número de candidatos igual ao 70% redondeado por defecto dos representantes que se van elixir.

A provisión das vacantes nos órganos colexiados será automática, realizándoa de oficio o director. Ocupará o posto a persoa do sector correspondente que obtivese máis votos nas eleccións correspondentes sen chegar a ser elixida. En caso de empate, prevalecerá o candidato máis antigo no seu corpo electoral. En caso de non existir suplentes para cubrir as vacantes ou en caso de que todos os suplentes tivesen pasado a ser membros do órgano colexiado en cuestión, procederase á elección das prazas vacantes segundo o establecido no regulamento electoral da Escola. O mandato dos membros do órgano escollidos deste xeito expirará ó mesmo tempo que o do resto de membros do órgano para o que sexan elixidos.

En todo caso, o procedemento electoral axustarase ao que establezan a Universidade ou a Xunta de Escola nos correspondentes regulamentos electorais que foren de aplicación.

CAPÍTULO 3. A Xunta de Escola.

Artigo 7. A Xunta de Escola é o órgano colexiado de máxima representación, a que corresponden as máximas funcións de normativa interna, control e expresión da posición e as aspiracións da comunidade da Escola.

Artigo 8. Son funcións da Xunta de Escola:

  1. Propoñer, para que sexa aprobado polos órganos de goberno da Universidade, o Regulamento da Escola, así como as súas modificacións.
  2. Elixir o director da Escola e, se for o caso, revogalo.
  3. Elixir os membros da Comisión Permanente, da Comisión Docente e da Comisión de Avaliación Académica que non teñan acceso directo en virtude do seu cargo.
  4. Elaborar as propostas de creación, modificación e supresión de titulacións ou diplomas académicos, planos de estudos, cursos de posgrao e todo tipo de ensinanzas universitarias no ámbito da Enxeñaría Civil e outros campos afíns.
  5. Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plano de ordenación docente do centro.
  6. Acordar a distribución dos créditos asignados ao centro e controlar a súa aplicación.
  7. Sancionar anualmente a xestión económica e xeral da dirección durante o ano anterior, e supervisar e controlar a actuación da Comisión Permanente.
  8. Propoñer iniciativas e aspiracións, e manifestar a súa opinión sobre problemas que afecten á Universidade ou ao seu contorno.
  9. Informar os nomeamentos de Doutor Honoris Causa propostos por os Departamentos.
  10. Constituir a Comisión de Biblioteca da Escola, así como elixir aos membros que no teñan acceso directo a ela, segundo o establecido no Regulamento do Servicio da Biblioteca.
  11. Todas aquelas outras funcións orientadas ao cumprimento adecuado dos seus fins, e as atribuídas á Escola polos Estatutos ou regulamentos da Universidade e pola lexislación vixente.

Para o mellor cumprimento das súas funcións, a Xunta de Escola poderá crear e disolver as comisións que considere oportuno.

Artigo 9. A Xunta de Escola estará constituída por:

  1. O director, que a presidirá e convocará.
  2. Os subdirectores e o secretario académico, que o será da Xunta.
  3. Un 70% de profesores da Escola. Todos os profesores funcionarios da Escola pertencerán á Xunta e representarán, polo menos, un 51% do número total de membros. Sempre que for posible, o 19% dos membros da Xunta serán profesores non funcionarios.
  4. Unha representación dos estudantes igual ao 25% dos membros da Xunta.
  5. Unha representación do persoal de administración e servizos igual ao 5% dos membros da Xunta.

Quen imparta docencia en máis dun centro só poderá ser membro da Xunta de Escola si desenvolve maioritariamente a súa docencia na Escola.

De o administrador da Escola non pertencer á Xunta será convocado ás súas reunións, con voz mais sen voto.

Un representante de calquera sector elixido para a Xunta de Escola non pode ser excluído dela se, posteriormente á elección da Xunta, cambiasen as porcentaxes de representación previstas neste mesmo artigo.

Artigo 10. A Xunta de Escola reunirase en sesión ordinaria polo menos una vez cada cuadrimestre durante todo o período lectivo.

A convocatoria da Xunta de Escola en sesión ordinaria corresponderá ao director, e publicarase cunha antelación mínima de 10 días respecto á data en que terá lugar. A convocatoria incluirá a orde do día, que será establecida pola Comisión Permanente, e na que será preceptivo incluír os puntos seguintes:

  1. Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior.
  2. Quenda aberta de palabra.

Non se poderán adoptar acordos durante a quenda aberta de palabra.

As sesións ordinarias da Xunta de Escola realizaranse dentro do período lectivo do curso académico, excluído cada período de exames e a súa semana anterior.

Incluirase un punto na orde do día da próxima reunión ordinaria da Xunta de Escola se o solicita, coa debida antelación, un 20% dos membros da Xunta de Escola ou dúas terceiras partes dos representantes dun sector.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que se atopen presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 11. A Xunta de Escola reunirase en sesión extraordinaria cando haxa temas de urxencia que o xustifiquen. A convocatoria corresponderá ao director:

  1. por iniciativa propia, ou
  2. da Comisión Permanente, ou
  3. do 30% ao menos dos membros da Xunta de Escola,

e publicarase cunha antelación mínima de 3 días respecto á data en que terá lugar.

A convocatoria incluirá a orde do día, que se reducirá aos temas que motivaron a reunión extraordinaria..

Artigo 12. Nas convocatorias das reunións da Xunta de Escola especificarase lugar, data, hora e duración estimada da reunión. Esgotado este tempo sen finalizar a orde do día, a sesión poderá prolongarse por acordo de máis da metade dos membros da Xunta de Escola. En caso contrario, o presidente indicará aos presentes a data e a hora da continuación da sesión, que terá lugar nun prazo de entre dous e catro días.

Artigo 13. Para a válida constitución da Xunta de Escola será necesaria, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria, que se realizará media hora máis tarde, constituirase validamente cun terzo dos seus membros. En todo caso requirirase a presenza do presidente e secretario ou se é o caso, de quen os substitúa.

Excepto o previsto noutros artigos deste regulamento, os membros presentes adoptarán os acordos por asentimento ou por votación; neste caso adoptarase a opción máis votada independentemente do número de votos en branco ou abstencións. En caso de empate dirimirá o voto do presidente.

Votarase sempre que o solicite algún membro da Xunta de Escola. As votacións realizaranse normalmente a man alzada. Serán secretas cando o solicite algún membro da Xunta, e sempre que se trate de acordos sobre persoas.

Das reunións da Xunta de Escola redactarase unha acta. As actas serán públicas.

CAPÍTULO 4. A Comisión Permanente.

Artigo 14. A Comisión Permanente é o órgano executivo e de representación permanente da Xunta de Escola.

Son funcións da Comisión Permanente:

  1. Formular criterios e regras sobre normativa académica.
  2. Remitir propostas á Xunta de Escola sobre calquera asunto que teña que ser discutido e informar sobre as propostas que cheguen á Escola doutra procedencia.
  3. Asesorar o director en todos aqueles asuntos que este lle someta.
  4. Velar pola eficacia da docencia, as condicións de traballo e a convivencia de todos os compoñentes da Escola e a función de servizo que a Escola ha de prestar á sociedade, adoptando para iso as iniciativas que considere necesarias.
  5. Velar polo cumprimento dos Estatutos da Universidade e o Regulamento da Escola, as normativas que os desenvolvan e os acordos da Xunta de Escola.
  6. Elaborar anualmente, antes do comenzo de cada curso académico, a proposta de plano de organización docente da Escola e a súa asignación aos departamentos da Universidade, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Escola.
  7. Supervisar a asignación de profesores á Escola, así como os cambios de asignación propostos polos departamentos.
  8. Elaborar a proposta de orzamento de funcionamento anual da Escola, que será presentada para a súa aprobación á Xunta de Escola.
  9. Informar sobre as necesidades da Escola no desenvolvemento das súas funcións específicas para a elaboración do cadro de persoal de administración e servizos.
  10. Xestionar, en colaboración cos departamentos afectados, os recursos correspondentes aos proxectos de investigación interdepartamentais que lle puideren ser asignados pola Universidade.
  11. Propoñer o acceso de profesores ordinarios á condición de profesores eméritos.
  12. Distribuír ou redistribuír os espazos dispoñibles na Escola.
  13. Nomear, cando proceda, de entre os seus membros, ós que participarán na organización e supervisión das eleccións de director e dos órganos de goberno da Escola.
  14. Exercer todas as funcións da Escola non atribuídas explicitamente nos Estatutos da Universidade, ou neste regulamento, a outros órganos colexiados de goberno da Escola.
  15. Asumir as funcións da Xunta de Escola en casos de urxencia. Os acordos
    adoptados nestas condicións haberán de ser sometidos posteriormente á súa
    ratificación por parte da Xunta de Escola.

A Comisión Permanente poderá nomear as subcomisións que considere convenientes para o mellor exercicio das súas funcións, así como elaborar e aprobar os seus regulamentos de funcionamento. Todos os sectores representados na Comisión Permanente (persoal académico, estudantes, e persoal de administración) terán dereito a ter polo menos un representante en cada subcomisión..

Artigo 15. A Comisión Permanente estará constituída por:

  1. O director, que a presidirá.
  2. O secretario, que o será da Comisión Permanente.
  3. Os subdirectores. Se o número de subdirectores for superior a tres, o director designará os tres subdirectores que serán membros da Comisión.
  4. Cinco representantes do persoal académico elixidos entre e polo persoal académico da Xunta de Escola.
  5. Catro representantes dos estudantes elixidos entre e polos estudantes membros da Xunta de Escola.
  6. Un representante do persoal de administración e servizos elixido entre e polo persoal de administración e servizos da Xunta de Escola.

Se for o caso, os restantes subdirectores e o administrador do centro poderán ser convocados, con voz mais sen voto, ás reunións da Comisión Permanente.

Artigo 16. As eleccións dos representantes na Comisión Permanente realizaranse segundo o establecido no artigo 6 deste regulamento.

Artigo 17. A Comisión Permanente reunirase en sesión ordinaria polo menos dúas veces cada cuadrimestre durante todo o período lectivo.

A Comisión Permanente será convocada polo director, por propia iniciativa ou por solicitude de tres dos seus membros. Neste caso, a convocatoria realizarase no prazo de sete días.

Na convocatoria da reunión da Comisión Permanente especificarase o lugar, data, hora e duración estimada da reunión. Esgotado este tempo sen finalizar a orde do día, a sesión poderá prolongarse por acordo de máis da metade dos membros da Comisión Permanente.

En caso contrario, o presidente indicará aos presentes a data e a hora da continuación da sesión.

Artigo 18. Para que a Comisión Permanente se constitúa requirirase a asistencia de máis da metade dos seus membros. Para que poida adoptar acordos deberán estar presentes máis da metade dos seus membros. En todo caso requirirase a presenza do presidente e secretario ou se é o caso, de quen os substitúa.

Os acordos poderanse adoptar por asentimento, ou por máis da metade dos membros presentes dalgún deles solicitar unha votación. En caso de empate dirimirá o voto do presidente.

Das reunións da Comisión Permanente redactarase unha acta. As actas serán públicas.

CAPÍTULO 5. A Comisión Docente

Artigo 19. A Comisión Docente é o órgano da Xunta de Escola con funcións de organización e control no ámbito das ensinanzas impartidas na Escola. Poderá ter funcións executivas naqueles temas específicos que lle foren encargados pola Comisión Permanente..

Artigo 21. Son atribucións da Comisión Docente:

  1. Adoptar as medidas necesarias para a execución das directrices da Comisión Permanente.
  2. A organización da docencia, é dicir: horarios, distribución de aulas, calendario de exames e normativa académica en xeral.
  3. Controlar a calidade da docencia, o seguimento dos programas das materias, a
    coordinación entre elas, os métodos de ensino, etc.
  4. Xerar e recoller as propostas de adaptación e desenvolvemento dos planos de estudos: posta en marcha e supresión de materias, estruturación de materias optativas en bloques de intensificación ou especialidade, control da matrícula e permanencia dos estudantes, estudio das solicitudes de adaptación e validación, etc.
  5. Informar a Comisión Permanente sobre a situación xeral e as actividades desenvolvidas, e solicitar a súa intervención cando se exceda o ámbito de actuación ou as atribucións específicas a ela atribuídas.
  6. A Comisión Docente actuará como Comisión de Validación da Escola.

Artigo 21. A Comisión Docente estará constituída por:

  1. O director, quen poderá delegar no subdirector xefe de estudos da Escola, que actuará como o seu presidente. Corresponde ó director nomear ó membro da Comisión Docente que actuará como Secretario.
  2. Tres representantes elixidos por e entre o persoal académico membro da Xunta de Escola.
  3. Tres representantes elixidos por e entre os estudantes membros da Xunta de Escola. Se for posible, garantirase a presenza dun estudante de cada titulación que se imparta na Escola.
  4. O administrador do centro

Artigo 22. As eleccións dos representantes na Comisión Docente realizaranse segundo o
establecido no artigo 6 deste regulamento.

Artigo 23. A Comisión Docente reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez cada
cuadrimestre durante todo o período lectivo.

A Comisión Docente será convocada polo seu presidente, por propia iniciativa ou por petición de dous dos seus membros.

Para a Comisión Docente se constituír requirirase a asistencia de máis da metade dos seus membros. Para que poida adoptar acordos deberán estar presentes máis da metade dos seus membros. En todo caso requirirase a presenza do presidente e secretario ou se é o caso, de quen os substitúa.

Os acordos poderanse adoptar por asentimento, ou por máis da metade dos membros presentes se algún deles solicitar unha votación. En caso de empate dirimirá o voto do presidente.

CAPÍTULO 6. A Comisión de Avaliación Académica.

Artigo 24. A Comisión de Avaliación Académica é o órgano da Escola encargado da avaliación da actividade docente dos departamentos e do labor docente dos profesores asignados á Escola..

Artigo 25. As atribucións e o funcionamento da Comisión de Avaliación Académica estarán rexidas polas normativas da Universidade que lle foren de aplicación e polas que elabore a Comisión Permanente a partir dos criterios xerais que poida establecer a Xunta de Escola.

Artigo 26. A Comisión de Avaliación Académica estará constituída por:

  1. O director, ou subdirector en quen delegue, que a presidirá. Corresponde ó director
    nomear ó membro da Comisión de Avaliación Académica que actuará como
    Secretario.
  2. Un estudiante de primeiro ciclo por cada titulación que se imparta na Escola e un
    estudante de segundo ciclo por cada titulación con segundo ciclo que se imparta na
    Escola.
  3. Un certo número de profesores asignados á Escola ata completar a Comisión, de
    forma que os estudantes constitúan o 25% do total dos seus membros.

Artigo 27. A Comisión de Avaliación Académica reunirase como mínimo unha vez cada curso académico.

A convocatoria das reunións corresponde ao seu presidente, por propia iniciativa ou por petición de calquera dos seus membros.

Para a Comisión de Avaliación Académica se constituír requirirase a asistencia de máis da metade dos seus membros. Para que poida adoptar acordos deberán estar presentes máis da metade dos seus membros. En todo caso requirirase a presenza do presidente e secretario ou se é o caso, de quen os substitúa.

Os acordos poderanse adoptar por asentimento, ou por máis da metade dos membros presentes se algún deles solicitar unha votación. En caso de empate dirimirá o voto do presidente.

CAPÍTULO 7. O equipo directivo.

Artigo 28. O equipo directivo estará composto polo director, o secretario académico e os subdirectores, un dos cales exercerá as funcións de xefe de estudos.

Artigo 29. O director, o secretario académico e os subdirectores serán necesariamente profesores da Escola a tempo completo.

Artigo 30. O director é a máxima autoridade executiva da Escola, ostenta a súa representación, exerce a súa dirección, preside os seus órganos de goberno, e vela pola execución dos acordos colexiados.

Artigo 31. Son atribucións do director, ademais das que se derivan do artigo anterior, as seguintes:

  1. Propoñer ao reitor o nomeamento do secretario académico e dos subdirectores, e o
    seu cesamento.
  2. Presidir as reunións da Xunta de Escola e da Comisión Permanente.
  3. Elaborar e presentar á Comisión Permanente e á Xunta de Escola a proposta de orzamento anual de funcionamento da Escola.
  4. Xestionar os bens e ingresos obtidos pola realización de contratos, convenios e servizos, que teñan que reverter na Escola. Autorizar os gastos e as ordes de pagamento no ámbito da Escola.
  5. Exercer as competencias propias en materia administrativa e de xestión de persoal que determine o Consello de Goberno da Universidade.
  6. Presentar á consideración e sanción da Xunta de Escola unha memoria anual, que poderá ser consultada por calquera membro da comunidade universitaria.
  7. Todas as restantes atribucións que lle asigne a lexislación vixente e os Estatutos da Universidade.

Artigo 32. O director será elixido pola Xunta de Escola entre os profesores doutores con dedicación a tempo completo pertencentes aos corpos docentes universitarios adscritos á Escola e será nomeado polo reitor.

A elección de director realizarase segundo o establecido no artigo 6 deste regulamento.

A duración do mandato de director será de catro anos. O director poderá ser reelixido.

Artigo 33. Son causas de cesamento que dan lugar á convocatoria de eleccións a director de centro as seguintes:

  1. A expiración do límite estatutariamente establecido para o seu mandato.
  2. A perda da condición de elixible do director. A adscrición a outro centro distinto realizada polo departamento a que pertence o director sen que conste a súa aceptación expresa non se considerará causa de cesamento.
  3. O cesamento a petición propia.
  4. A moción de censura presentada por, polo menos, un terzo dos membros da xunta, con proposta de candidato alternativo, e aprobada por maioría absoluta. En caso de non obter esa maioría as persoas propoñentes non poderán presentar outra durante o mesmo mandato.

Artigo 34. Os subdirectores e o secretario académico serán nomeados polo reitor, por proposta do director, entre os membros da comunidade universitaria da Escola. Corresponde aos subdirectores dirixir e coordinar a área ou áreas de competencia que o director lles asignar.

En ausencia do director asumirá temporalmente as súas funcións o subdirector en quen o director delegase ou, no seu defecto, o subdirector xefe de estudos.

Artigo 35. Corresponde ao secretario académico, de acordo coas directrices da Universidade:

  1. Dar fe de actos, acordos e resolucións da Xunta de Escola e da Comisión Permanente, así como de todos os actos oficiais da Escola.
  2. Redactar as actas da Xunta de Escola e da Comisión Permanente.
  3. Organizar e supervisar a matrícula dos estudantes de acordo coa xefatura de estudos da Escola.
  4. Difundir os acordos e resolucións da Xunta de Escola e da Comisión Permanente.
  5. Dirixir o rexistro xeral da Escola.
  6. A recepción e custodia das actas de cualificación e expedientes dos estudantes da Escola.

Artigo 36. Corresponde ao subdirector xefe de estudos, de acordo coas directrices da Universidade e co asesoramento da Comisión Docente:

  1. A organización docente da Escola.
  2. Elaborar a proposta do calendario do curso escolar.
  3. Elaborar a proposta do horario de clases e velar polo cumprimento das actividades docentes.
  4. Elaborar a proposta do calendario de exames, co asesoramento dos departamentos e representantes dos estudantes.
  5. Asignar as aulas para clases, exames e outras actividades docentes.
  6. Elaborar, actualizar e difundir anualmente a Guía Docente da Escola, onde como mínimo constará a información seguinte: normas de matrícula e planos de estudos vixentes, programas detallados das materias impartidas e relación de profesores.

CAPÍTULO 8. Réxime económico

Artigo 37. Corresponde á Escola elaborar o seu orzamento anual de funcionamento. A proposta de orzamento terá que ser elaborada pola Comisión Permanente para a súa aprobación pola Xunta de Escola.

Artigo 38. A Escola poderá proporcionar soporte económico á delegación de estudantes e a calquera asociación que crea representativa dun sector destes.

CAPÍTULO 9. Servizos comúns e xerais.

Artigo 39. A Escola poderá crear ou suprimir, de se dar o caso, servizos comúns de soporte á docencia, á investigación e á extensión universitaria. Ademais, fomentará a creación e a participación en servizos xerais para toda a comunidade universitaria.

A Comisión Permanente poderá elaborar o Regulamento de funcionamento dos servizos comúns da Escola de o considerar necesario, e de acordo coas directrices da Universidade.

Artigo 40. A Biblioteca da Escola é un servizo xeral que ten como finalidade principal o soporte á información técnica e científica, á docencia, ao estudo e á investigación dos membros da Escola e en xeral de toda a comunidade universitaria, así como de todas aquelas institucións con que se estableza un acordo neste sentido.

Artigo 41. O Centro de Cálculo da Escola é un servizo científico responsable da xestión centralizada de todos os equipos informáticos de computación científica de uso común adquiridos pola Escola, cedidos a esta, ou ben postos baixo o seu control por parte dos diferentes departamentos, grupos de traballo, a Universidade ou calquera outra institución.

Artigo 42. A Escola fomentará a participación dos estudantes na utilización destes servizos.

CAPÍTULO 10. Reforma do Regulamento

Artigo 43. Poderán propor a reforma do presente Regulamento un tercio dos membros da Xunta da Escola. A proposta de modificación presentarase mediante escrito motivado dirixido ao director.

Artigo 44. O texto da proposta de reforma será enviado polo director aos membros do Consello, que disporá de quince días para presentar emendas. Transcorrido este prazo convoracase sesión ordinaria da Xunta de Escola para aprobar o rexeitar a reforma proposta. Á convocatoria adxuntaranse as emendas presentadas que serán sometidas a debate y votación.

Artigo 45. Para a modificación do Regulamento requererase a súa aprobación por maioría absoluta do total dos membros da Xunta e a súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade

Disposicións transitorias

Disposición transitoria primeira. Coa entrada en vigor deste regulamento, e no prazo máximo dun mes, arbitraranse as medidas oportunas para a constitución dos órganos colexiados de goberno da Escola.

Disposición transitoria segunda. No momento da entrada en vigor deste regulamento, os servizos da Escola son os seguintes:

  1. Biblioteca
  2. Centro de Cálculo

Disposición final

Este Regulamento entrará en vigor o día da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade.

Logotipo UDC
Campus de Elviña · 15071 A Coruña - España
Tel.: (+ 34) 981 167000 | Fax: 34 981 167170
email: webmaster.etseccp@udc.es